O modelo urbano de Pontevedra, segundo a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), pode resultar "moi interesante e útil" para localidades do mundo de tamaño similar ao da cidade do Lérez.
De aí que este organismo internacional, que busca deseñar mellores políticas sociais e económicas para ofrecer unha vida mellor aos cidadáns, vaia a colaborar co goberno pontevedrés para expoñer esta experiencia en lugares que a poidan replicar.
Para iso, os edís Anabel Gulías e Demetrio Gómez mantiveron este xoves un encontro telemático coa directora do departamento de Medio Ambiente da OCDE, Mariana Mirabile, interesada especialmente na experiencia urbana de Pontevedra.
O encontro responde a unha petición de entrevista da OCDE que se puxo en contacto coa Alcaldía ao estar interesada en coñecer o modelo Pontevedra.
O primeiro contacto -o desta tarde- foi para coñecer máis sobre Pontevedra: a redución do vehículo, a preferencia dos peóns, as decisións políticas e técnicas que acompañaron o modelo ou o custe das intervencións.
O compromiso por parte do Concello é continuar mantendo a liña de comunicación co organismo internacional ofrecéndolle material sobre o modelo de cidade, dende as publicacións ata os estudos técnicos dos que se dispoñan.
Este contacto coa OCDE comezou o pasado mes de outubro cando o organismo solicitou ao Concello permisos de reprodución dalgúns das publicacións municipais nun documento sobre mobilidade e transporte publicado pola entidade en decembro de 2021.