Galicia afrontará a partir deste domingo, 21 de xuño, un episodio de calor intensa que levará á activación de alertas en boa parte do territorio.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior advertiron da chegada dunha masa de aire moi cálida procedente do norte de África, que deixará temperaturas excepcionalmente elevadas ata, polo menos, o mércores.
Segundo as previsións de MeteoGalicia, a situación estará favorecida pola presenza de altas presións ao norte da Península Ibérica, que impulsarán cara á comunidade galega este aire quente.
A combinación deste fenómeno co predominio de ceos despexados e un elevado número de horas de insolación fará que os termómetros alcancen rexistros pouco habituais para estas datas.
Este domingo comeza o verán astronómico e tamén un importante episodio de calor⚠️
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) June 19, 2026
Mañá comezarán a subir as temperaturas e o domingo poden acadar os 40ºC en puntos do interior. Máis suave no litoral polas brétemas matinais.
Esa calor pode provocar a aparición de tormentas. pic.twitter.com/4NptrfT6FS
As zonas máis afectadas estarán baixo alerta vermella, o máximo nivel de risco, e inclúen o interior da provincia da Coruña, o centro e a montaña de Lugo, a montaña de Ourense e o interior de Pontevedra.
Ademais, manterase a alerta laranxa no noroeste da Coruña, o sur de Lugo e a comarca de Valdeorras, en Ourense. Pola súa banda, a alerta amarela afectará á Mariña e ao centro lucense, así como ás zonas do noroeste, Miño e sur da provincia ourensá.
Ante esta situación, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior solicita ás administracións, entidades organizadoras e responsables de actividades ao aire libre que extremen as precaucións e informen a participantes e asistentes das medidas de autoprotección necesarias para minimizar os efectos das altas temperaturas.
#Alertas112 A @SanidadeXunta avisa dun episodio por 🌡️vaga de calor:
— 112 Galicia (@112Galicia) June 20, 2026
🔴 Interior Coruña, centro e montaña Lugo, montaña Ourense e interior Pontevedra
🟠 Noroeste Coruña, Sur Lugo e Valdeorras
🟡 A Mariña e Centro Lugo, Noroeste, Miño e Sur Ourense
🔗https://t.co/g4phB2TSP6 pic.twitter.com/5MDtTojNk7
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia lembran tamén unha serie de recomendacións básicas para afrontar con seguridade este episodio de calor: evitar exposicións prolongadas ao sol, beber auga con frecuencia aínda que non se teña sensación de sede, protexer os ollos, cubrir a cabeza e utilizar crema de protección solar.
O Executivo autonómico advirte nun comunicado que se suspende a actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nas zonas afectadas pola alerta vermella e laranxa de 12.00 a 20.00 horas. Así mesmo, as actividades náuticas ou acuáticas non terán restricións nos concellos do litoral afectados pola alerta laranxa, mentres que nos concellos do interior estarán permitidas con recomendación de non realizalas nas horas centrais do día.
As autoridades permanecerán pendentes da evolución meteorolóxica e lembran que o aviso seguirá vixente ata que se produza unha modificación dos niveis de alerta establecidos.