Alto seguimento da folga de estudantes contra as reválidas nos centros de Pontevedra

Pontevedra
26 de outubro 2016

Os institutos da cidade rexistraron unha porcentaxe moi elevada, por riba do 75%, de ausencia de alumnado como protesta ás reválidas. Sobre todo, nos cursos de Bacharelato e en ciclos formativos a penas rexistraron presenza de estudantes

Estudantes durante a hora do recreo no IES Valle Inclán
Estudantes durante a hora do recreo no IES Valle Inclán / PontevedraViva

11.30 da mañá. Hora do recreo e apenas se nota a presenza de alumnos na avenida de Montero Ríos. Só hai un grupo de cinco escolares dándolle patadas a un balón e unhas mozas sentadas nunha escaleira. Elas sinalan que a folga contra a LOMCE e a reválida está a ter un amplo seguimento. "Case non había ninguén en clase", aseguran. Así é, no IES Valle Inclán, o seguimento desta xornada de protesta contou co apoio de máis dun 70% do alumnado, segundo manifestou a directora do centro. Sobre todo a partir de terceiro da ESO.

Unha situación similar rexistrouse no resto de centros de estudo secundarios. No Sánchez Cantón, a cifra superou nos cursos de bacharelato o 90% mentres que en terceiro e cuarto da ESO rexistrábase máis dun 80% de ausencias do alumnado nas aulas. O IES Torrente Ballester tamén rexistraba datos por encima do 90% de seguimento da folga e A Xunqueira I situábase preto do 85%. O mesmo sucedía no IES Luís Seoane onde de 650 alumnos de diúrno, tan só asistiron ao redor de 60 a primeiras horas da mañá porque tiñan que realizar un exame, que non querían pospoñer.

Estes datos tamén se trasladan a outros espazos de ensino como o Centro de Tecnificación Deportiva. As aulas de terceiro da ESO quedaron sen alumnos mentres que en 4º de ESO e en Bacharelato foron ao redor da metade dos alumnos.

Todos estes datos foron remitidos polos centros á Consellería de Educación a través dun documento que tiñan que remitir. Con todo, desde o departamento de prensa da Consellería non se facilitan datos sobre a incidencia da folga xa que, segundo explicaron, trátase dunha protesta de alumnos e só ofrecen datos cando se trata de folgas convocadas polos profesores.

Durante a xornada, non se rexistraron incidentes de relevancia. Esta tarde do mércores están previstas dúas manifestacións de protesta contra a Lomce e as reválidas, a primeira será ás 18.00 horas e partirá da Peregrina, está organizada pola Plataforma polo Ensino Público. A segunda comezará ás 19.00 horas, organizada pola CIG. Tamén partirá da Peregrina.