Alumnado da FP Básico de Hostalaría e Restauración e do CEIP de Nantes realizou este martes a plantación de 49 especies arbóreas micorrizadas nunha parcela municipal de 4.000 metros cadrados no parque empresarial de Nantes, en Sanxenxo.
Carballos, castiñeiros, sabugueiros, alisos e fresnos foron as árbores elixidas para xerar o substrato idóneo para a reprodución de cogomelos e converter a zona no primeiro parque micolóxico do municipio, que favorecerá o crecemento de boletus e níscaros.
Na plantación participaron o estudantado do centro, xunto á concelleira de Educación, Nati Parada; o edil de Medio Ambiente, Yago Torres, docentes do IES de Vilalonga e persoal municipal.
"É un proxecto diferente e trasversal que permite a participación de toda a comunidade educativa e mesmo veciñal", destacou Parada.
A creación deste bosque é froito dun proxecto innovador premiado pola Xunta que inclúe un horto micolóxico no Hotel Sixto (onde realizan prácticas) e produtos gastronómicos como viños, vinagre balsámico e sales de cogomelos.
A produción de cogomelos será real a partir do quinto ano, "xa que é preciso que se adapten ao terreo", sinalou o profesor Rubén Otero.
O bosque estará aberto ao público e será para uso didáctico e social.
O proxecto presentarase os días 22, 23 e 24 de abril na Cidade da Cultura.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.