Alumnado de diferentes nacionalidades está a estreitar lazos e compartir coñecementos e vivencias dentro do programa Erasmus+ en Vilaboa. A experiencia enriquece a estudantes do propio municipio e tamén a outros chegados desde Romanía, República Checa e Lituania.
Trátase dunha iniciativa do colexio público CPI do Toural de Vilaboa dentro do proxecto KA229 'Learning for my future' dos programas Erasmus+. O centro leva meses con este proxecto, no que xa visitou outros países como Romanía e República Checa e agora tócalle ser o anfitrión para alumnado doutros países.
O estudantado de Romanía, República Checa e Lituania chegou o pasado domingo e permanece en Vilaboa toda a semana. Durante todos estes días, ademais de confraternizar, quixeron falar de ideais e de paz. Así, este venres, como acto final da visita, farase no centro unha lectura dun manifesto pola paz en repulsa polo conflito bélico que está a sufrir o pobo de Ucraína.
Atópanse en Vilaboa un total de 21 alumnos e alumnas e 9 profesoras destas nacionalidades e durante toda esta semana compartiron clases de materias como ciencia, xeografía e historia ou tecnoloxía.
Ademais, saíron do centro educativo con visitas culturais variadas como unha ruta guiada pola Pontevedra monumental; unha visita á Ría de Arousa con parada no Grove para coñecer o ecosistema da zona e o cultivo do mexillón en bateas, a Lanzada e Combarro; unha visita ao Castelo de Soutomaior; e unha excursión a Santiago de Compostela.
A programación organizada inclúe obradoiros variados como a elaboración de xabóns, encadernación xaponesa, estampado sobre tea ou prácticas de como facer unha reanimación RCP.
Durante a estancia, tamén se empaparon da cultura local. Organizouse unha mostra na que coñeceron o baile tradicional do Entroido de Cobres, coas Madamas e Galáns e a música das pandereteiras.
Este proxecto finalizará no mes de maio coa última mobilidade do alumnado de Vilaboa, que visitará nesa ocasión Lituania. Supoñerá pechar un círculo que xa lles levou polos outros dous países visitantes e no que profundarán no seu coñecemento das súas culturas.