O alumnado da FP marítima de Bueu amosa a súa preparación para responder a emerxencias

Bueu
07 de maio 2026

Esta Escola é un centro público da Xunta de Galicia orientado principalmente á formación de persoas desempregadas no ámbito marítimo

Práctica de extinción de incendios da Escola FP Marítimo-Pesqueira de Bueu
Práctica de extinción de incendios da Escola FP Marítimo-Pesqueira de Bueu / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, realizou este mércores unha visita á Escola FP Marítimo-Pesqueira de Bueu, onde puido coñecer de preto os recursos formativos e tecnolóxicos cos que conta o centro.

A Escola de FP Marítimo-Pesqueira de Bueu é un centro público da Xunta de Galicia orientado principalmente á formación de persoas desempregadas no ámbito marítimo.

Especialízase na capacitación mariñeira, ofrecendo a formación e titulación necesarias para traballar no sector do mar, como na pesca ou no transporte marítimo.

Ademais, adapta a súa oferta formativa ás necesidades do mercado laboral, á lexislación internacional e ás demandas das empresas do sector.

Durante a súa estadía, Reguera asistiu a unha demostración práctica do Sistema Mundial de Socorro e Seguridade Marítimos.

Este sistema é un protocolo internacional obrigatorio, regulado pola Organización Marítima Internacional (OMI) que utiliza tecnoloxía satelital e radiofrecuencias automatizadas para alertar rapidamente a centros de salvamento e buques próximos en caso de emerxencia, garantindo unha resposta eficiente.

O delegado destacou o alto nivel de equipamento da escola, subliñando que permite ofrecer unha formación adaptada ás esixencias reais do sector marítimo-pesqueiro.

Así mesmo, puxo en valor a implicación e o nivel de preparación do alumnado, amosándose sorprendido polo seu entusiasmo e capacidade.

Segundo sinalou, estes futuros profesionais estarán capacitados para responder con eficacia ante calquera situación crítica no seu ámbito laboral.

A visita completouse coa asistencia a unha práctica de extinción de incendios con lume real, na que participaron estudantes baixo a supervisión do profesorado.

Nesta actividade tamén estiveron presentes 52 alumnos de 4º da ESO do IES A Basella, quen acudiron como parte dunha iniciativa impulsada polo Grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) para promover a remuda xeracional nas profesións vinculadas ao mar.

Reguera con alumnos da Escola FP Marítimo Pesqueira de Bueu
Reguera con alumnos da Escola FP Marítimo Pesqueira de Bueu   Xunta de Galicia