Alumnos das Doroteas denuncian a violencia machista cunha montaxe sobre o que ocultan as fotos de Instagram

Pontevedra
13 de decembro 2019

Os escolares do grupo de Educación Plástica recrearon escenas de agresións machistas que, ao colocar un marco de Instagram encima, parecen historias  idílicas de amor

Alumnos das Doroteas deseñan unha exposición fotográfica contra a violencia machista Cristina Saiz

Alumnos do grupo de Educación Plástica de cuarto da ESO das Doroteas deseñaron unha orixinal exposición fotográfica para denunciar a violencia machista oculta nalgunhas fotos que os usuarios soben ás redes sociais.

Os escolares idearon e recrearon escenas nas que existe algún tipo de agresión machista, logo colocaron sobre ela un marco de Instagram, de modo que a imaxe queda recortada a un plano que simula unha idílica relación de amor.

O obxectivo desta iniciativa pasaba por desmontar a falsidade transmitida a través das redes. "O máis difícil foi crear as imaxes", explican dous dos alumnos participantes na exposición que visten as paredes do centro educativo.

Desde a dirección do centro destacan a capacidade creativa do alumnado para achegar o seu gran de area na loita contra esta lacra.

Os protagonistas das fotografías son alumnos, profesores e membros da dirección do centro que decidiron colaborar nesta actividade pola orixinalidade da mesma e pola súa relevancia.