Alumnos do CEP Riomaior de Vilaboa coñecen o xornalismo e comparten micrófono en PontevedraViva

Vilaboa
25 de xaneiro 2020

Alumnos do CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa coñeceron as instalacións e o traballo xornalístico en PontevedraViva y PontevedraViva Radio

Alumnos de Sexto de Primaria do CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa
Alumnos de Sexto de Primaria do CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa / Cristina Saiz
Alumnos do CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa falan en PontevedraViva Radio /

Un total de corenta alumnos de quinto e sexto curso de Primaria do CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa aproveitaron unha das saídas programadas do centro educativo para coñecer as instalacións e a profesión xornalística cunha visita a PontevedraVIva e PontevedraViva Radio.

Os mozos e mozas de quinto curso aprenderon que é unha redacción, como se organiza o traballo diario, ou que é un xornal dixital. Tamén tiveron ocasión de ver un estudo de radio e coñecer unha emisora online. O streaming, un concepto que se escapa do seu vocabulario, pero que si practican no seu habitual manexo das tecnoloxías da comunicación.

Pola súa banda, os seus compañeiros de sexto curso convertéronse por uns minutos en improvisados tertulianos para dar as súas opinións sobre o coidado do medio ambiente, accións para garantizar o futuro do planeta e experiencias na materia; tanto as que desenvolven no CEP Riomaior como as que seguen nas súas propias familias.

De igual forma compartiron entre micrófonos outras iniciativas que están a levar a cabo como unha cooperativa onde venden produtos feitos por eles mesmos e cuxos beneficios se destinarán a sufragar gastos para a viaxe prevista a Dublín.