Alumnos ingleses practicarán a lingua galega a través de Internet con escolares de Pontevedra

Pontevedra
17 de xaneiro 2014

O proxecto 'Ponte a Londres' contará coa participación de 84 alumnos dos centros de ensino de Xeve, Campañó e Lérez que entrarán en contacto con estudantes do colexio español Cañada Blanch de Londres

'Ponte a Londres' é o título baixo o que se engloba unha iniciativa innovadora que pretende dinamizar o uso da lingua galega a través de conversacións e narracións multimedia entre 84 escolares de primaria dos CEIP de Lérez, Xeve e Campañó con alumnos do colexio español Cañada Blanch de Londres que estudan lingua galega.

O 23 de xaneiro desenvolverase unha sesión de presentación coa primeira conexión entre os colexios pontevedreses e o de Londres. Durante unha hora e media manterase unha videoconferencia coa intención de establecer as bases do blog que entre os distintos centros se vai poñer en marcha.

Durante a presentación deste proxecto no que participa a concellaría de Normalización Lingüística, o concelleiro Demetrio Gómez sinalou que esta iniciativa "será un choque cultural" de maneira que un escolar de Xeve poida ensinar a un neno que reside en Inglaterra o que observa dende a súa fiestra e suporá un contraste exposto a través das novas tecnoloxías.

Dous dos profesores promotores deste encontro dixital, Luis Losada e Xosé Ramón Hermida, indicaron que se realizará unha "reflexión sobre a cultura, a paisaxe e a tecnoloxía" e apuntaron que se utilizará "a modernidade para rachar con tópicos e darlle voltas a todo porque nós temos contidos modernos e non só folclóricos".

Ao longo de cinco sesións estableceranse relacións entre os alumnos a través de fórmulas multimedia coa elaboración do blog didáctico e dun documental. En maio está previsto que os alumnos londinienses visiten Pontevedra.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora