Álvaro Cervantes, actor barcelonés, visitou na tarde deste sábado o Teatro Principal de Pontevedra onde, xunto coa directora Eva Libertad, mantivo un encontro co público para falar sobre Sorda, a película que aspira a seis premios Feroz.
Na trama, o personaxe que interpreta Cervantes é a parella dunha muller xorda, á que dá vida Miriam Garlo, afrontando a chegada da súa primeira filla.
A película amosa os retos da discapacidade auditiva no mundo oínte. Para traballar o papel, Cervantes aprendeu lingua de signos durante un ano e nesta entrevista cóntanos a súa experiencia na rodaxe e fala do que espera da Gala dos Feroz.
- Coñecías Pontevedra? Estiveras algunha vez?
Non, non tiven ocasión, foi chegar e directo ao hotel. Vou poder vela a fin de semana dos Feroz, que ademais hai un día previo, antes da gala e si, me apetece coñecela.
- Sorda é a primeira película protagonizada por unha actriz xorda. Como chegaches ao proxecto e que supuxo para ti traballar nesta película?
Pois eu cheguei ao proxecto porque me convocan para unha proba para verme con Miriam e ver como podería funcionar esa parella. Mándanme o tratamento de guión, que é a fase previa ao guión dialogado, e xa me emociona moitísimo. Podo ver que está moi ben construído, con moito rigor, desde unha ollada moi lúcida, moi intelixente, moi sensible.
E claro, todo me cadra cando vexo que son, dalgunha forma, o tándem da curta previa do mesmo título, que ademais tanto Eva como Miriam son persoas cunha traxectoria artística detrás moi interesante, e ademais son irmás.
Entón, desde esa proba, xa sinto como que empezo a traballar, xa descubrín un universo descoñecido para min ata entón, síntome moi a gusto, e por sorte danme o ok, danme a benvida ao proxecto, e ademais con moito tempo de antelación á rodaxe. Foi un ano desde ese si, desa proba ata a rodaxe; onde nese ano puiden prepararme para o que requiría o personaxe, que era aprender lingua de signos e coñecer cada vez un pouquiño máis a realidade dunha persoa xorda e do que representa a comunidade xorda, para imaxinar esa parella mixta que había que construír.

- Como foi traballar con Miriam?
Foi moi bonito, moi doado; foi traballar como con calquera actor e actriz, e foi moi xeneroso pola súa parte todo o que me deu en canto a abrir as portas da súa experiencia, da súa realidade como persoa xorda, e foi moi bonito poder traballar con esa confianza que tamén nos deu Eva, e en todo este ano poder crear ese vínculo, ese vínculo de compañeiros que axudou moito a ter unha confianza para imaxinar tamén como sería esa parella.
Foi unha experiencia moi gustosa, e para min como referente de como me gusta traballar, con tempo, dedicación e moito agarimo.
- A película fala de comunicación, maternidade, medos... Removeuche a nivel persoal?
Dalgunha forma, o que si me removeu é decatarme do ensimesmamento no que podemos estar na nosa parcela de realidade. Si que me impactou un día nos ensaios, falando con Miriam, onde vin que por moito esforzo que faga unha persoa oínte por facilitar, por tentar mellorar a comunicación cunha persoa xorda, a persoa xorda sempre acaba facendo sobreesforzo, ese sobreesforzo no que viven as persoas xordas por este mundo capacitista no que vivimos, si que me impactou.

- Chegou a cambiarche a vida interpretar a Héctor?
Deume unha aprendizaxe enorme, e ao final creo que decatarse de tantas cousas nun ano e aprender tanto si que supón unha dose de humildade grande. Hai tantas realidades que non coñecemos, ás que non miramos porque non temos preto; neste caso é a realidade da xordeira, pero como tantas outras que non están representadas no cinema ou non están suficientemente representadas en xeral. Diría que me fixo aprender máis ca nunca.
- Que queda do Álvaro de A tres metros sobre el cielo e de Abuela de Verano?
Díreiche que queda moito, no sentido de que sinto que teño a mesma paixón e a mesma ilusión por este oficio, que me segue supoñendo o mesmo nivel de misterio cada proxecto; para empezar, non sabes que vai ser o próximo, e cando chega tampouco o sabes.
Cada vez teño máis claro como abordar os proxectos e o que necesito, pero ao final, profundamente, non sabes o que vas aprender de cada proxecto, e iso encántame. Queda moito desa ilusión; dírichoche que practicamente está intacta.
- E dirías que estás no mellor momento da túa carreira agora mesmo?
Cada momento foi o mellor dalgunha forma; sinto que sempre é o mellor momento porque me sinto moi afortunado de poder estar traballando en proxectos que me gustan, que me emocionan, que me entusiasman, e agora mesmo moi feliz do que estou vivindo con Sorda, que é algo que nunca vivín cunha película: toda esta viaxe, todo o que nos devolve o público, orgullosísimo do traballo de todo o equipo, orgullosísimo da película, e moi agradecido de que me convidasen a formar parte.
Dalgunha forma, sinto que Eva e Miriam me convidaron un pouco ao seu tándem, á súa familia, e ter esa confianza é o mellor que pode pasar. Creo que en calquera ámbito da vida, ter confianza para un actor é gran parte da gasolina que necesitas.
- Que buscas agora nos proxectos que, se cadra, non buscabas antes?
Non é que non buscara antes, pero agora si que lle dou aínda máis valor, cando un se fai maior, á calidade humana das persoas que están detrás, que están xerando e sostendo. E sinto que tiven moita sorte, que sempre dei con equipos, con grandes persoas detrás, e é algo ao que cada vez lle dou máis valor.
E como tamén vivín iso, quero seguir vivíndoo, e quero traballar con persoas coas que estea a gusto e que me acheguen no día a día, e logo traballar en proxectos onde poida aprender: un reto, unha aprendizaxe, unha porta a unha realidade descoñecida para min, proxectos que me ofrezan tamén misterio.

- Hai algún proxecto no que che gustaría ter traballado ou interpretar algún personaxe en concreto?
Non hai ningún proxecto co que teña unha espiña en concreto. Si que hai personaxes que me encantan, pero son personaxes que por idade tampouco me tocaban, por dicilo así. Sinto que o que foi é o que tiña que ser.
- A fama é todo brillo ou tamén hai algún claroescuro? Como é iso de lidar coa fama?
Eu tampouco sinto que lide coa fama, porque non é unha parte do meu día a día, máis alá de que haxa persoas que me poidan ubicar por algún traballo. O que si sinto é que, dalgunha forma, ás veces se me ubica, se me ubica como actor, pero non hai moito interese na miña persoa, na miña vida, e iso é algo que me tranquiliza moito, porque creo que ten que ser moi complicado, dalgunha forma, vivir con esa fama no día a día e sentirte moi exposto.
Eu non vivín iso, os proxectos que fixen non me levaron a vivir iso, entón sempre me sentín ben, moi tranquilo. Pero evidentemente a fama, como tal, non tanto na miña vida; a fama ten moitos claroescuros, porque supón unha exposición moi grande e, dalgunha forma, perder o anonimato pasa factura en moitos ámbitos.
- Compartes profesión coa túa irmá Ángela. Poderíase dicir que é un dos teus grandes apoios tanto dentro da industria como na túa vida persoal?
Totalmente. Ángela é unha persoa incrible, estamos moi preto no día a día, e poder compartir este oficio con ela aínda fai máis especial este traballo, porque dalgunha forma, volvendo á confianza, podo compartir moitas cousas con ela, pero non por nada, senón simplemente por cuestión de linguaxe, de aprendizaxe, de técnica.
É como que podemos falar o mesmo idioma en momentos onde un pode ter dúbidas de se tirar por aquí ou respecto dun proxecto ou de como afrontar algunha cousa. Entón, si que sentir ese apoio e esa confianza é moi bonito.

- Agora xa centrados na gala dos Feroz, que esperas dela?
Pois espero sorpresas, porque nos Feroz danse cousas distintas cada ano e bótanlle moito traballo para que así sexa. E espero pasalo moi ben e desfrutar moito con estas familias, porque é a familia de Sorda e xunto a Ángela en representación de Furia. Entón, claro, é familia por dúas, familia ao cadrado.
- E ademais da túa familia estará tamén o teu amigo Mario Casas, ao cal lle dedicaches o premio en Málaga. Gustarías de repetir o momento vivido alí?
Si, a verdade é que Mario e eu coñecémonos desde hai moitísimos anos. Eu comecei con el en publicidade e divertinme moito, logo coincidimos de novo traballando en Tres metros e en Abuela de verano cos seus irmáns, é unha familia amiga tamén.
Encántame velo, encántame ver o pedazo de actor que é e o rigor que ten como actor en cada personaxe, e o que teño é moitas ganas de volver traballar con el. Ojalá que suceda pronto.
Eva Libertad e Álvaro Cervantes, en Pontevedra, falando da rodaxe de 'Sorda'