Amalia Álvarez e Barcelos renovan a súa imaxe coa mellora das zonas verdes

Pontevedra
21 de xuño 2026

Con estas intervencións, o departamento de Servizos Urbanos Básicos busca reforzar a calidade paisaxística de dous espazos moi transitados e contribuír á creación dunha contorna máis agradable

Axardinamento do parque de Amalia Álvarez
Axardinamento do parque de Amalia Álvarez / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra está a executar intervencións destinadas tanto á recuperación paisaxística como á modernización dos elementos vexetais no parque de Amalia Álvarez e na contorna da praza de Barcelos.

No parque de Amalia Álvarez, as brigadas municipais acometen a fase final da remodelación integral iniciada hai varios meses.

A actuación completa así un proxecto que incluíu previamente a renovación do mobiliario urbano e a posta a punto da masa arbórea, dando resposta ás demandas trasladadas pola veciñanza para mellorar o estado dun espazo que presentaba signos evidentes de desgaste.

A última intervención céntrase na recuperación xardineira da zona mediante a creación de novos parterres ao pé das árbores.

Estes espazos incorporan diferentes especies ornamentais, arbustos e plantas vivaces seleccionadas para reforzar o atractivo visual do parque e favorecer unha mellor adaptación ás condicións do terreo. Ademais, os traballos inclúen a mellora do solo mediante a achega de abono e a reparación da rede de rega por goteo, co obxectivo de optimizar o consumo de auga.

Axardinamento da Praza de Barcelos
Axardinamento da Praza de Barcelos    Concello de Pontevedra

Pola súa banda, na vía perimetral da praza de Barcelos estase a actuar sobre os longos xardíns lineais que bordean a rúa.

Estas zonas resultaron especialmente afectadas polos episodios de choiva rexistrados durante o inverno, que provocaron a perda de parte dos materiais de cobertura e o deterioro da vexetación existente.

Para recuperar a súa funcionalidade e aspecto estético, o Concello apostou pola incorporación de novas especies de flor e plantas herbáceas de baixo mantemento, capaces de achegar cor ao espazo urbano sen requirir grandes necesidades de conservación. A actuación complétase cun sistema de rega por goteo que permitirá asegurar a súa sustentabilidade a longo prazo.

Axardinamento da Praza de Barcelos
Axardinamento da Praza de Barcelos   Concello de Pontevedra