Ameazan con demandar a Educación se non cede os colexios para as ludotecas de verán

Pontevedra
05 de xuño 2020

A polémica polas ludotecas de verán de Pontevedra parece que non fixo máis que comezar. Primeiro foi o cruzamento de acusacións entre o Concello e a Xunta e agora é a FANPA, organizadora destas actividades, a que entra en escena

Actividade das ludotecas de verán (arquivo)
Actividade das ludotecas de verán (arquivo) / Fanpa Pontevedra

A polémica polas ludotecas de verán de Pontevedra parece que non fixo máis que comezar. Primeiro foi o cruzamento de acusacións entre o Concello e a Xunta e agora é a FANPA, organizadora destas actividades, a que entra en escena.

A federación que agrupa as asociacións de nais e pais dos centros de ensino de Pontevedra ameaza con demandar á Consellería de Educación se non lle cede espazos nos colexios para realizar estas ludotecas polos prexuízos económicos e morais que lles provocaría esta decisión.

Ademais, aseguran que denunciarán na xurisdición "que consideremos oportuna", xa sexa civil, administrativa ou penal, aos funcionarios que "impidan o exercicio dun dereito recollido na lexislación educativa vixente ".

A este respecto, a FANPA adianta que van a continuar o proceso de organización das ludotecas "atendendo ao dereito da comunidade educativa a empregar os espazos para este fin" e o día 1 de xullo, data prevista para o inicio, "estaremos diante dos centros onde temos solicitado os espazos para dar o servizo de ludotecas como vimos facendo ano tras ano".

O colectivo entende que estas ludotecas de verán son unha "ferramenta fundamental" para a conciliación da vida laboral e familiar e recordan que o pasado ano estes campamentos deron servizo a 2.300 menores e que os directores dos centros de ensino levan cedendo os espazos para esta actividade durante case dez anos "sen maiores incidencias".

A FANPA lamenta que a Xefatura Territorial de Educación pida agora unha autorización previa da inspección educativa "sen ningún tipo de soporte xurídico", xa que apuntan que as ludotecas comezarían co estado de alarma xa rematado e, ademais, na fase 3 da desescalada xa se permitirían organizar este tipo de actividades nos colexios.

Estes trámites, segundo a federación, suporán a "anulación total ou parcial" das ludotecas polo proceso burocrático e defenden que é "perfectamente" posible a concesión dos espazos nos colexios e ao mesmo tempo cumprir as medidas sanitarias e organizativas necesarias.