Amencer-Aspace e a Asociación Xoán XXIII, entre os galardoados nos Premios Sociais da Deputación

Pontevedra
18 de marzo 2026

Na gala tamén se recoñeceu o traballo do Plan Comunitario de Teis, así como as iniciativas Aférrate, Son das Flores e Ponte Diversa. Guadalupe Egido Pérez recibiu o premio á súa traxectoria

II Premios Sociais
II Premios Sociais / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra celebrou este mércores no Centro Príncipe Felipe a gala dos II Premios Sociais, na que recoñece o labor de entidades e persoas que traballan con colectivos vulnerables.

No acto participaron a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, o vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós.

Na categoría de traxectoria, o primeiro premio recaeu en Amencer-Aspace, referente galego en parálise cerebral con centros en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, que incorpora tecnoloxía robótica para mellorar a autonomía dos usuarios.

O segundo galardón foi para o Plan Comunitario de Teis (Vigo), onde a veciñanza protagoniza o seu benestar traballando en rede a través de comisións por áreas cunha metodoloxía centrada na participación cidadá.

O terceiro premio distinguiu á Asociación Juan XXIII, pioneira na atención a persoas con discapacidade intelectual e que ao longo das décadas foi ampliando os con servizos e centros en Pontevedra e Cangas.

Na categoría de proxectos ou iniciativas, o primeiro premio foi para Aférrate, da asociación viguesa Alborada, que está centrado na prevención do suicidio mediante a natureza, o sendeirismo, a horticultura ou o exercicio físico.

O segundo recoñeceu a Son das Flores (Vigo), asociación que usa música para transformar socialmente aos menores en risco a través das orquestras e coros.

O terceiro premio foi para Ponte Diversa da Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG), que ofrece lecer inclusivo en oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro, apoiando a nenos con cancro e as súas familias.

Guadalupe Egido Pérez recibiu o premio á súa traxectoria no ámbito social, destacando o seu traballo con menores, persoas con discapacidade e vulnerables, incluíndo o Comedor Social da Misión do Silencio e o primeiro albergue para mulleres sen fogar en Vigo.

Luisa Sánchez pechou a gala salientando a "dedicación, empatía e vocación" detrás destes recoñecementos, subliñando que "o cambio social real non se constrúe desde os despachos, senón desde o contacto directo coas persoas".

A Deputación destina 24,3 millóns anuais a benestar social, 7,6 millóns á súa propia área e 16,6 millóns ao Centro Príncipe Felipe, que celebra 50 anos atendendo a máis de 200 menores cun equipo de 200 profesionais

Ademais, achega preto de 2,5 millóns a entidades sociais que benefician cada ano a 20.000 persoas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora