Amigos de Galicia leva a cea de Noiteboa a 25 familias de Pontevedra

Pontevedra
23 de decembro 2020

A entrega tamén inclúe unha manta, unha folla de bacallau, conservas de atún e máscaras para cada familia

Fundación Amigos de Galicia
Fundación Amigos de Galicia

Amigos de Galicia entregará mañá a cea de Noiteboa a 25 familias en situación de risco ou exclusión social con menores a cargo que teñen dificultades para preparar os alimentos en casa e que a entidade atende na cidade de Pontevedra. 

O menú, composto a base de produtos galegos será elaborado por Coren. A sobremesa consiste nunha torta de Santiago e unha caixa de Pedras de Santiago achegadas por Sancosa. Esta entrega tamén inclúe unha manta, unha folla de bacallau, conservas de atún e máscaras para cada unidade familiar. 

O resto das familias que a entidade atende na cidade xa están a recibir paquetes con produtos especialmente pensados para estas datas, así como lotes de máscaras. 

Esta iniciativa tamén leva a cabo nas cidades de Santiago e Vigo. Repetirase en Fin de Ano nas de Lugo e Ourense.

Ademais, durante o mes de decembro están a realizarse reparticións especiais de alimentos con produtos do Nadal que inclúen turróns e doces ademais de produtos perecedoiros típicos, que se están entregando a través dos supermercados, entre as familias en situación de risco ou exclusión social atendidas pola entidade en toda Galicia. 

Outra campaña do Nadal en marcha é a de “Comparte un xoguete, comparte ilusión” grazas á cal xa se están repartindo 2.589 agasallos entre os menores das familias usuarias.