Cunha cea celebrada este venres 9 de agosto na Finca Batacos, os Amigos de Pontevedra entregaron o galardón da súa 52 edición ás persoas e institucións distinguidas este ano.
A diferenza de edicións anteriores, nesta ocasión houbo seis persoas homenaxeadas e unha única entidade xurídica.
Trátase da Asociación Alba, que reúne a familiares e amigos de enfermos psíquicos. Desde 1997, este colectivo ten como finalidade favorecer unha vida digna e plena para as persoas con enfermidade mental e as súas familias.
Actualmente presta os servizos de centro de rehabilitación psicosocial, pisos tutelados, atención domiciliaria, respiro familiar, información e asesoramento.
Ademais, seis persoas súmanse aos recoñecidos cos premios Amigos de Pontevedra: Marta González, propietaria do Pub La Gramola; Fita Novas, fundadora da escola de danza que leva o seu nome; Josefa García, esposa de 'Cholo' e homenaxeada pola súa "absoluta fidelidade e compromiso"; Rafael Sánchez-Agostiño "Fis", profesor de educación física do Sánchez Cantón e adestrador do Cisne na década dos 80; José Luis Sarandeses, responsable da programación cultural e festiva da cidade; e Manuel Piñón, fundador do Leis e do Ciudad de Pontevedra, un referente do fútbol sala, deporte ao que se dedicou 44 anos.