O Motoclub Amigos de la Moto de Sanxenxo fixo públicas as datas dunha das citas moteiras máis esperadas do calendario galego.
Trátase da 38ª Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas-Sanxenxo, que se celebrará os días 11, 12 e 13 de setembro deste ano.
A organización anticipa que, unha vez máis, a localidade acollerá a miles de motoristas chegados de distintos puntos de España e doutros países, convertendo Sanxenxo en punto de encontro do mototurismo galego.
Consolidada como unha das concentracións máis veteranas e emblemáticas da comunidade, a cita combinará rutas, ambiente e convivencia moteira.
Paralelamente á concentración de setembro, o Motoclub Amigos da Moto de Sanxenxo continúa traballando na I Rider Sanxenxo-Costa Galega, unha nova iniciativa que se estreará o 13 de xuño de 2026.
Esta actividade pretende ofrecer unha proposta distinta, combinando moto, paisaxe e descubrimento do territorio.
A organización avanzará nas próximas semanas máis detalles sobre o percorrido, as inscricións e a programación, así como máis novidades relacionadas á concentración de setembro.
Desde o Motoclub animan aos afeccionados a reservar xa as datas e a seguir as canles oficiais para estar ao tanto de toda a actualidade.