O Concello de Poio e as asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas presentaron a ampla programación que encherá de ambiente medieval as rúas de Combarro durante os días 8 e 9 de maio con motivo da XII edición do Día de Colón.
Durante a presentación, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou que un dos principais obxectivos da celebración é divulgar a teoría do Colón galego, vinculado a Poio e a San Salvador.
"Queremos que o Día de Colón teña unha intención divulgativa, para promover a teoría do Colón de Portosanto e seguir defendendo a relación de Colón co noso concello", subliñou.
O alcalde explicou que "apostamos pola historia, pola tradición, pola cultura e, por suposto, tamén por dinamizar a actividade turística e comercial do municipio, ofrecendo unha experiencia única tanto para veciñanza como para visitantes fóra da tempada alta".
Recordou ademais o éxito da pasada edición, na que os establecementos colgaron o cartel de completo.
A programación arrancará o venres 8 de maio ás 19.30 horas coa chegada da nave Santa María á Praza da Chousa, onde tamén se fará a lectura do pregón, a cargo de Mundo Nores, así como unha exhibición de cetraría e bailes medievais coa Asociación Leucoíña.
As actividades continuarán o sábado 9, desde as 11.00 horas, con talleres demostrativos de canteiros, cesteros, palilleras e rederas, e clases de esgrima medieval e de tiro con arco. Esta última desenvolverase na Praia do Padrón.
A Festa dos Meninos, con zona infantil, comezará ás 11:30 horas.
Ao longo do día, Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio, Os Esmoleiros, As Pandereiteiras do Ronsel, Os Queimatasas e Os Vikingos percorrerán as rúas con música e animación. Tamén haberá bailes medievais coa Asociación Leucoíña e teatro itinerante con Moura Teatro.
Pola tarde continuará o tiro con arco na Praia do Padrón, mentres que na Praza da Chousa o Grupo de Entroido Samieira organizará xogos tradicionais como carreiras de barrís e de sacos ou lanzamento de alpacas.
Tras unha nova exhibición de cetraría, ás 18:30 horas comezará a Xusta Medieval.
A programación a completa o concerto de Os Esmoleiros, ás 20:00, e un espectáculo medieval de lume, ás 21:00 horas.