Ampliación de beirarrúas, lombos e carril único para a entrada do CEIP Marcos da Portela

Pontevedra
15 de setembro 2017

Mentres non se executa o proxecto, dende o próximo luns 18 de setembro prohibirase a circulación pola rúa nos horarios de entrada e saída do colexio

Entrada do CEIP Marcos da Portela
Entrada do CEIP Marcos da Portela / Mónica Patxot

As medidas de acougado de tráfico chegan á contorna do CEIP Marcos da Portela, en Monte Porreiro.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, mantivo unha reunión coa ANPA do colexio e comerciantes da rúa Suecia para presentarlles o proxecto.

A idea do goberno local é ampliar as beirarrúas, instalar pasos de peóns elevados e reducir a circulación do tráfico rodado a un só carril, de sentido único, habilitando prazas de estacionamento a ambos os dous lados cunha reserva para o centro de ensino.

Mentres non se acomete a reforma decidiuse, a partir do próximo luns 18 de setembro, pechar a rúa á circulación durante o horario de entrada e saída dos escolares, é dicir, de 8:45 a 9:15 horas e de 13:45 a 14:15 horas.

Esta medida provisional pretende garantir a seguridade dos nenos e nenas que acoden a clase ao Marcos da Portela.

En canto aos comerciantes da rúa Suecia, Demetrio Gómez volverase reunir con eles o luns 18 para recibir as súas suxestións ao proxecto de reforma.