Amplían ata as dúas da madrugada o horario das terrazas no Nadal

Pontevedra
12 de decembro 2019

Durante as festas do Nadal, entre o 20 de decembro e o 6 de xaneiro, as terrazas dos establecementos hostaleiros da cidade poderán estar abertas máis tempo. En concreto, media hora máis, ata as dúas da madrugada

Unha terraza da cidade de Pontevedra
Unha terraza da cidade de Pontevedra / Alejandro Vila

Durante as festas do Nadal, entre o 20 de decembro e o 6 de xaneiro, as terrazas dos establecementos hostaleiros da cidade poderán estar abertas máis tempo. En concreto, media hora máis, ata as dúas da madrugada.

Así o acordou o Concello nunha resolución que aplica un artigo específico da ordenanza vixente que regula a instalación dos veladores na vía pública.

A edil de Sostemento dos espazos públicos, Eva Vilaverde, explicou que esta medida se adopta a petición do Centro Comercial Urbano Zona Monumental.

Con este cambio horario, os veladores e os seus elementos retiraranse ás 02.00 horas e poderán quedar amoreados no espazo público adxacente ao local durante o tempo que medie entre o horario de apertura do establecemento e o horario de inicio da actividade dos veladores disposto na ordenanza.

Tamén poderán manterse acumulados entre o horario de peche ampliado e o horario de peche do establecemento, sen que, en ningún caso, estes amoreamentos xeren unha barreira que interfira na circulación, no transito peonil, nas condicións de accesibilidade e uso da vía ou espazo público, nin nos percorridos de evacuación do local.

Esta ampliación de horario tamén se rexistrou durante a pasada ponte da Constitución.