Un amplo equipo de emerxencias busca un mozo duns 20 anos no río Verdugo na contorna da ponte medieval de Comboa, en Soutomaior.
Cara ás 19:40 horas, o 112 Galicia recibiu o aviso dun particular que se atopaba no lugar.
Esta persoa presenciou como dous mozos saltaban ao río desde a ponte medieval.
Segundo relatou ao 112, mentres unha delas logrou saír da auga sen dificultades, non conseguían localizar á outra. Ambos os mozos son veciños de Vigo.
Tras recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaron un operativo.
Segundo detallou o 112 neste dispositivo de procura participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil, o GES de Mos e voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea. Tamén se informou aos Bombeiros do Morrazo.
Igualmente algúns veciños da zona sumáronse aos labores de rastrexo.