Ana Pastor liderará a lista do PP ao Congreso dos Deputados por Pontevedra

Pontevedra
12 de xuño 2023
Actualizado: 17:27

A expresidenta da cámara volverá liderar á formación conservadora na provincia despois de ter formado parte das listas de Madrid nas últimas eleccións xerais

Mitin de peche de campaña do PP de Pontevedra na Ferrería Mónica Patxot

O Partido Popular fixo público este luns a lista de candidatos que encabezarán as listas da formación conservadora ao Congreso dos Deputados en cada unha das provincias españolas.

No caso de Pontevedra, Ana Pastor volverá liderar a candidatura na provincia relevando no posto a María Ramallo, que fora número un nas últimas eleccións xerais cando a expresidenta do Congreso formou parte da lista do PP en Madrid. 

A pontevedresa Ana Pastor, médica de profesión, foi ministra de Sanidade e Consumo entre 2002 e 2004 e logo ocupou a carteira de Fomento co Goberno de Rajoy entre 2014​ e 2016. Ademais foi presidenta do Congreso dos Deputados desde xullo do 2016 ata o final da lexislatura de Mariano Rajoy.

Un comunicado difundido polo propio Partido Popular confirma a renovación de 39 das 52 cabezas de lista. En Galicia, os líderes das outras tres provincias serán Miguel Tellado, pola Coruña; Francisco Conde, por Lugo, e Ana Belén Vázquez, por Ourense. 

Explican desde o partido que o criterio seguido polo Comité Electoral, que preside Diego Calvo, para seleccionar aos cabezas de lista foi o de "incluír persoas que contan cunha dilatada traxectoria política e lexislativa, así como unha contrastada experiencia en xestión pública e privada, con perfís que ademais de ter esta bagaxe formaron parte das estruturas do partido e realizaron un magnífico labor durante esta lexislatura".

O nomeamento destes candidatos obrigará a realizar cambios no goberno da Xunta. A inclusión do conselleiro de Economía e vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, fará que o presidente autonómico, Alfonso Rueda, busque un substituto. 

Sobre o nomeamento de Pastor, o presidente provincial do Partido Popular, Luís López, declarou que "é un aval contar con Ana Pastor, é a mellor candidata desta provincia ao Congreso dos Deputados por traxectoria, por experiencia e implicación. Ten demostrado o seu compromiso permanente e sempre exerce de pontevedresa velando polos intereses de Pontevedra", dixo anticipando que nos próximos días darase a coñecer o resto de integrantes da candidatura.