A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu mirar cara Pontevedra como exemplo no que inspirarse á hora de facer política, nesta ocasión, no seu traballo nos eidos da creatividade e a innovación.
Para Pontón, o traballo do goberno local do BNG é un exemplo da "capacidade de transformación" dunha cidade e de como se pode lograr tendo como base a "búsqueda constante da creatividade e a innovación".
Entende a creatividad como ver que está pasando en todo o mundo e, sobre esa base, "buscar solucións que sexan acaídas e propias tanto para Pontevedra como para Galiza" e a innovación como a procura de solucións innovadoras "máis alá deses camiños xa rutineiros ou que outros andiveron". E cre que as dúas están acompañadas pola "confianza no país e nas súas posibilidades".
Pon Pontevedra como "magnífico exemplo" para rachar coa idea extendida de que só o sector privado ou o ámbito universitario traballan a creatividade e a innovación e de que nas administracións públicas as cousas van demasiado lentas, con demasiada burocracia e non se aposta realmente por buscar solucións creativas e innovadoras aos problemas actuais.
"O gobierno de Pontevedra e o que representa o BNG para este país é un exemplo de como, utilizando a creatividade e a innovación, somos capaces de facer avanzar a nosa sociedade", sinala Pontón, que considera que esta forma de traballar nace da convicción do partido nacionalista de que "o noso país pode ser pioneiro en todos os ámbitos nos que se propón avanzar".
A líder do BNG mantivo este venres unha das súas reunións periódicas co grupo municipal do BNG de Pontevedra e cos resonsables locais do partido.
Estiveron na Casa da Luz o propio alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; varios dos seus concelleiros; o deputado Luís Bará; e a responsable local, Sabela Bará, entre outros.

Miguel Anxo Fernández Lores reiterou que lle gusta recibir a Ana Pontón en Pontevedra e defendeu a súa forma de facer política. "Represéntame", asegurou.
Parafraseando unha das ideas que sempre repite Ana Pontón de que hai que "pensar Galicia en grande", Lores defendeu que ao seu goberno gústaslle "pensar Pontevedra en grande".
Para o alcalde capitalino, a experiencia e a innovación que aplica o seu goberno á política municipal, en moitos aspectos, "pode ser inspiración tamén para outras cidades e para outros concellos".
Pontón quixo falar de exemplos concretos desa creatividade e innovación que caracterizan a Pontevedra e un deles é o proxecto de promoción da cidade, no que se están "buscando nichos propios" a través da celebración de eventos ou da proxección internacional na cidade que están dando uns resultados "espectaculares" ao tempo que se evitan problemas de turistificación.
Fala tamén do modelo urbano,"admirado e recoñecido en todo o mundo", desde ONU Habitat até o Banco Mundial ou entidades en Estados Unidos, Europa e China; ou do traballo en mobilidade urbana.
Os modelos de xestión da auga e dos residuos ou a renaturalización do río dos Gafos son outros dos exemplos que cita Pontón de como desde o goberno local foron capaces de "transformar en positivo esta cidade, facela un referente internacional e, o máis importante, facer que Pontevedra sexa cada vez un lugar no que se vive mellor e con máis calidade de vida".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.