Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visitaba este xoves 12 a cidade de Pontevedra para tratar os proxectos que desenvolve o goberno local na loita contra o cambio climático e preguntada sobre a reunión do Tribunal Supremo, prevista para o 7 de febreiro, na que os maxistrados votarán e emitirán a súa resolución sobre os recursos de casación interpostos por Ence á sentenza da Audiencia Nacional, que declaraba ilegal a prórroga da empresa pasteira en Lourizán, a representante nacionalista afirmaba que "agardamos que a sentenza que xa temos se ratifique porque sería sorprendente que iso non se fixese".
Pontón explica que "non hai ningún criterio xurídico que avale un cambio" na resolución xudicial respecto a o xa decidido pola Audiencia Nacional. E engadiu que desde o BNG "traballamos para que canto antes Ence deixe a ría de Pontevedra e as autoridades busquen outra ubicación que é no que debería estar traballando a Xunta do Partido Popular".
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, tamén se manifestaba na mesma liña: "nós agardamos que a sentenza do Supremo veña a confirmar a sentenza da Audiencia Nacional, que foron cinco relatores de seis os que dixeron que a prórroga fora ilegal".
Fernández Lores, alcalde de Pontevedra: "Non hai futuro nin progreso sen respecto polo medio"
"Non sei que ten o Partido Popular contra Pontevedra porque gran parte das cidades deslocalizaron as empresas que eran contaminantes, e Pontevedra ten todo o dereito do mundo tamén a deslocalizar unha empresa que provoca contaminación no ámbito da cidade de Pontevedra, máxime cando está situada nun terreo marítimo terrestre", argumentou o rexedor explicando que, desde o punto de vista legal e desde as políticas de loita contra a contaminación, a factoría "ten que marchar de aí".
Insistiu en que o goberno municipal vai defender todas as vías para que o traslado prodúzase canto antes. "Non hai futuro nin progreso sen respecto polo medio", apuntaba Fernández Lores para engadir que espera que a sentenza sexa favorable porque non atopa argumento xurídico ou ambiental que manteña máis tempo "unha Celulosa que xa estivo máis de sesenta anos impactando na cidade e no medio ambiente".
O alcalde espera que a sentenza manteña a anulación da prórroga e, en caso contrario, asegurou que desde o BNG seguirán traballando "para que se vaia".