Anabel Gulías cre que Iván Puentes "se equivoca de inimigo" e lamenta que "asume os postulados do PP"

Pontevedra
30 de xaneiro 2023

As críticas de Iván Puentes ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa presentación como candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, non gustaron no seo do seu socio de goberno, que considera que o líder socialista "se equivoca de inimigo"

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal / Mónica Patxot

As críticas de Iván Puentes ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na súa presentación como candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía, non gustaron no seo do seu socio de goberno, que considera que o líder socialista "se equivoca de inimigo".

Nun acto celebrado na Ferrería, Puentes apelou ao "cansazo" e ao "esgotamento" que advirte en Fernández Lores, destacando que en Pontevedra apréciase un "fin de ciclo" e cuestionando abertamente algunhas das decisións adoptadas polo goberno municipal.

Para Anabel Gulías, que verbalizou o malestar do BNG, estas declaracións do seu compañeiro de goberno demostran que "asume os postulados do PP", protagonizando un "cambio moi brusco" coa liña marcada ata o de agora.

"Nós nunca fixemos algo así", dixo a concelleira nacionalista, que asegura que sería unha "mala nova" que estas cuestións "preelectorais" tivesen efecto no goberno municipal porque "temos moito traballo por facer ata o final de mandato".

A pesar desas críticas, Gulías asegura que non aprecia "fractura" no executivo local e continuarán traballando como ata o de agora porque "a nós o que nos interesa é o benestar dos pontevedreses" e ao BNG non lle consta "internamente" que exista ningún malestar.