Anabel Gulías, sobre os xestos nazis en Pasarón: "Pontevedra é unha cidade libre de fascismo e non vamos a permitir este tipo de actuacións"

Pontevedra
13 de febreiro 2023

Durante a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra celebrada este luns falouse dos diversos incidentes rexistrados con motivo do partido deste domingo en Pasarón entre o Pontevedra CF e a Cultural Leonesa. O Concello está a estudar os feitos coa intención de adoptar as decisións "que se nos permita tomar desde a nosa competencia", afirmou a portavoz do goberno local

Xogadores da Cultural e Deportiva Leonesa saúdan os seus afeccionados ao final do encontro en Pasarón Cultural y Deportiva Leonesa

Os incidentes protagonizados por colectivos radicais da Cultural e Deportiva Leonesa e do Pontevedra Club de Fútbol durante a tarde de domingo con motivo do encontro celebrado en Pasarón foron tratados este luns na Xunta de Goberno Local.

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal, cualificaba de "lamentable" este tipo de actuacións e aclaraba que non se corresponden co groso das afeccións da Leonesa e do Pontevedra. 

O momento de maior tensión vivíase na Praza dos Peiraos, antes do partido, cando se producían enfrontamentos entre ambos os grupos e unha persoa precisou de asistencia sanitaria. Ofrecéuselle o traslado ao Hospital Montecelo, pero a persoa rexeitou esta opción. 

Os dous grupos foron custoidados por efectivos das forzas da orde ata o estadio de Pasarón. Unha vez que finalizou o encontro, os afeccionados da Leonesa foron escoltados ata o autobús e esperouse ao momento en que o condutor puido reiniciar o traxecto, despois do período establecido de descanso.

Ademais, Anabel Gulías, en nome do goberno local, considera "terrible" os saúdos fascistas e hitlerianos que se rexistraron no estadio por parte de integrantes do grupo Orgullo Cazurro. "Pontevedra é unha cidade libre de fascismo e non vamos a permitir este tipo de actuacións en ningún tipo de espectáculo deportivo ou calquera outro que teña lugar na nosa cidade", asegurou.

Neste sentido, explicaba que se están estudando os feitos para despois adoptar as decisións que se poidan adoptar que pertenzan á competencia do Concello de Pontevedra. "Se temos a posibilidade de identificalos e se pode facer algo, o faremos", confirmou. Indicou tamén que non hai constancia de que os incidentes nas rúas do centro histórico provocasen danos no mobiliario urbano.