O Bloque Nacionalista Galego valora moi positivamente a cea ofrecida á militancia e cidadanía o pasado venres no Recinfo Feiral, que supuxo o arranque da precampaña do BNG para as próximas municipais nas que Miguel Anxo Fernández Lores tentará lograr o que sería o seu sexto mandato.
"Foi moi agradable compartir con esas persoas impresións sobre cara onde ten que ir a cidade", sinalou Anabel Gulías este luns nunha rolda de prensa convocada na sede do partido xunto a Demetrio Gómez.
Esta cea "marcará o tono de cal é o noso proxecto para Pontevedra", sinalou, con especial mención ao vídeo musical protagonizado polo alcalde.
Tras agradecer ás persoas, empresas e voluntarios a súa implicación e participación no evento, recoñeceu que foi a maneira perfecta de "lanzar o mellor candidato posible".
Preguntada respecto dunha posible sucesión de Lores, pensando que de vencer nas eleccións podería ser o seu último mandato, Gulías afirmou que "agora mesmo é un debate inexistente dentro da organización porque temos candidato".
Ademais a actual concelleira de Promoción Económica rexeitou ademais polo momento postularse á sucesión declarando que "o meu papel sempre vai ser de soporte e de estar onde me pida a militancia".