Andrés Díaz remata a rolda de presentacións da súa candidatura nas 33 aldeas de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
02 de abril 2023

Díaz completou este sábado na Casa da Cultura de Ponte Caldelas o calendario de presentacións, que o levou durante as últimas seis semanas por todas as aldeas do municipio

Acto de presentación da candidatura do PSOE en Ponte Caldelas
Acto de presentación da candidatura do PSOE en Ponte Caldelas / PSdeG-PSOE

Andrés Díaz, o candidato socialista á Alcaldía de Ponte Caldelas, pechou este sábado na Casa da Cultura de Ponte Caldelas o calendario de presentación de candidatura que o levou a percorrer nas últimas seis semanas todas e cada unha das 33 aldeas de Ponte Caldelas. 

O pasado 24 de febreiro, o actual alcalde da localidade iniciou as presentacións do candidato polo rural do municipio, que se foron desenvolvendo todas as fins de semana (venres, sábado e domingo) baixo o lema de campaña "Ponte Caldelas Primeiro!".

Nestes actos, ademais de explicar a xestión feita nos últimos oito anos á fronte do Goberno de Ponte Caldelas e anticipar proxectos de futuro para o municipio, Díaz presentou ao equipo que o acompaña na candidatura coa que aspiran a revalidar a maioría absoluta nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.

Andrés Díaz sinalou algún dos "logros" deste mandato como "reducir a débeda herdada á metade, manter os impostos conxelados durante os últimos oito anos, conseguir que Ponte Caldelas sexa dos poucos concellos galegos que medre en poboación, e que o leve facendo durante seis anos seguidos, e converter un municipio que estaba en total decadencia nun concello en cheo de actividades, de cultura, de deporte, en definitiva, nun concello vivo, activo e que atrae a familias que queren criar aquí ós seus fillos".

"Cos nosos acertos, cos nosos erros, propoñemos seguir traballando con rigor, seriedade, adicación e con cariño pola nosa Ponte Caldelas", dixo Díaz.