Anduxía pide a desafección completa da praia da Banda do Río e que volva ao dominio público marítimo terrestre

Bueu
01 de novembro 2023

A asociación ecoloxista de Bueu presentou por rexistro unha petición formal instando ao Goberno local a demandar a Portos de Galicia que inicie o procedemento para a reversión completa da praia, xunto cos espazos axardinados anexos, unha medida que suporía garantir unha maior protección

Praia de Banda do Río
Praia de Banda do Río / Concello de Bueu

A asociación ecoloxista de Bueu Anduxía presentou por rexistro unha petición formal para a desafección da praia da Banda do Río, situada no centro urbano desta localidade, que supón a reversión a Costas do Estado e, polo tanto, ao dominio público marítimo terrestre.

No escrito, entregado no Concello de Bueu, a entidade ecoloxista insta ao Goberno local a demandar a Portos de Galicia que inicie o procedemento para a reversión completa da praia, xunto cos espazos axardinados anexos, unha medida que suporía garantir unha maior protección.

Esta asociación que preside Suso Framil pide tamén que nun futuro se estude a posibilidade de reverter a praia de Pescadoira e os espazos públicos anexos.

Anduxía presentou este escrito dirixido ao alcalde, Félix Juncal, ante o anuncio dunha futura reunión con Portos de Galicia para tratar o tema da reversión dos espazos públicos anexos a praia da Banda do Río (Xardíns de María Eugenia) e Pescadoira (paseo Montero Rioos), pois bota de menos que no anuncio da reunión non se mencione nada sobre a reversión das praias, só dos espazos anexos.

"A reversión destes espazos públicos non tería sentido se non vai unida a prometida (por Portos de Galicia) reversión da praia da Banda do Río", sinala Anduxía, por iso é polo que pensa que o Concello debe solicitar a reversión completa desta praia xunto cos espazos públicos anexos.

Ademais, desde esta entidade ecoloxista lembran ao Concello que xa no ano 2013, hai unha década, o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade pedir a  desafección das zonas de praia (Beluso, Banda do Río e Pescadoira) adscritas a Portos de Galicia por ser estas un ben público non susceptible de ser ocupado.