A asociación de nenos e nenas con diabete de Galicia (Anedia) e a Casa Azul organizan este venres 31 de xullo unha charla coloquio sobre as agullas de insulina na que se abordarán as súas características, o uso correcto e realidades e mitos sobre as mesmas.
A charla, prevista para as 12.00 horas na Casa Azul, está dirixida á poboación que padece diabete (tipo I ou tipo II) e precisa inxeccións diarias de insulina, tanto aos propios insulinodopendentes como aos seus coidadores directos. Terá unha duración aproximada de 50 minutos e, para todos aqueles que non poidan asistir, será retransmitida vía streaming a través do blog da asociación e de redes sociais.
A través desta acción formativa, Anedia pretende dotar á poboación con diabete e aos seus coidadores dos coñecementos necesarios sobre as características técnicas das agullas de insulina, incidir na importancia do uso correcto das mesmas, expor unha explicación detallada dos distintos tipos de agullas existentes no mercado e os mitos e realidades existentes sobre as mesmas.
Un dos obxectivos fundamentais da actividade é concienciar de que as agullas de insulina, como dispositivo médico indispensable na diabete, se utilicen unha soa vez, debido a que a reutilización afecta ao control do tratamento e representa un risco importante.
A actividade correrá a cargo de tres poñentes: Diego Rey, responsable da empresa dispensadora de agullas de insulina do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e coñecedor da realidade actual do concurso de agullas autonómico; Mar Fontán, paciente experta en diabete do Serga; e Ana Isabel Pérez, presidenta de Anedia.
Os obxectivos desta charla-coloquio son compartir impresións e opinións sobre a calidade das agullas, o posible dano na inxección, a estabilidade das mesmas ou a súa rixidez; xa que unha agulla inapropiada pode ocasionar dor, producir hematomas ou incluso alterar a correcta absorción desta hormona (imprescindible para os pacientes con diabete).