Aproveitando a celebración este xoves 7 de abril do Día Mundial da Saúde, dedicado este ano á diabete, a Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA) pediu á Xunta un maior control nos centros ecolares.
A asociación reclama medios para os centros escolares e implicación á Xunta co obxectivo de cumprir co protocolo asinado pola administración autonómica, polo que o profesorado dos centros nos que estuden alumnos con diabete deben recibir formación específica sobre esta enfermidade.
"A formación di que é necesaria pero non explica como dala", explica Ana Pérez, presidenta de Anedia, que ademais se queixa de que no protocolo fálese de "voluntariedade" á hora de acudir aos cursos.
En Pontevedra a maioría de centros recibiron información grazas á implicación de Anedia, pero esta formación aínda non chegou a todos os colexios pola falta de medios, defenden.
Son algunhas das queixas que, a título individual, trasladaron membros da asociación nunha carta enviada este xoves ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
Anedia estivo acompañada na súa comparecencia pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, tras colocar no balcón do Concello unha pancarta de apoio aos enfermos de diabete dentro dos actos programados no Día Mundial da Saúde.