Ángel Moldes asegura que o 50% de proxectos do Plan Concellos presentados por alcaldes do PP están sen resposta

Pontevedra
27 de setembro 2018

O portavoz dos populares cifra en 168 o número de proxectos e 8 millóns de euros o montante económico sen resolver polo goberno provincial. Este asunto será levado ao pleno da Deputación

Ángel Moldes
Ángel Moldes / Mónica Patxot

O Partido Popular levará unha moción ao pleno da Deputación previsto para este venres 28 de setembro para denunciar que, segundo o seu criterio, máis do 50% dos proxectos presentados ao Plan Concellos 2018 polos municipios gobernados por alcaldes da súa formación seguen sen ter resposta do ente provincial.

Esta situación, asegura Ángel Moldes, afecta a 168 proxectos, o que supón 8 millóns de euros de montante económico sen resolver polo goberno provincial.

"A Deputación ten paralizados máis da metade dos investimentos para os concellos desta provincia", critica Moldes. 

O portavoz popular declarou ademais que "xa sabemos que a presidenta non lle gusta que digamos estas cousas e posiblemente mañá salga publicamente ameazando de novo con levarnos ao xulgado dicindo que a difamamos e demais, pero aí está a realidade".

Na moción que presentará o Partido Popular ínstase o goberno da Deputación a que axilice a tramitación destes expedientes, o que "ten unha fácil solución a través do incremento do número de persoal dedicado a estes mesteres porque senón cabe a posibilidade de que esteamos a asistir a unha actuación presuntamente intencionada", acusou Ángel Moldes.