Ángel Moldes pide que Carmela Silva interceda ante outras institucións para evitar o peche de Elnosa

Pontevedra
18 de xullo 2018

O grupo provincial do PP levará ao pleno da Deputación de Pontevedra unha proposta para que esta institución interceda ante a Dirección Xeral de Costas e todas as administracións con competencias na materia para evitar o peche da factoría Elnosa en Pontevedra

Fábrica de Elnosa en Lourizán
Fábrica de Elnosa en Lourizán / Mónica Patxot

O grupo provincial do PP levará ao pleno da Deputación de Pontevedra unha proposta para que esta institución interceda ante a Dirección Xeral de Costas e todas as administracións con competencias na materia para evitar o peche da factoría Elnosa en Pontevedra.

O voceiro do PP, Ángel Moldes, considera que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, debe interceder ante outras institucións para conseguir o mantemento dos postos de traballo na provincia e tamén reunirse coa dirección da empresa para  buscar solucións que permitan á factoría manter a súa actividade e, desta maneira, conservar os empregos.

Moldes acusa a Silva de "mirar cara outro lado" mentres Elnosa anuncia o peche da súa fábrica e considera que esa actitude é "unha incongruencia máis dos socialistas", xa que mentres en Pontevedra desatenden as súas obrigas, gobernos do seu mesmo signo político noutras localidades "pelexan e apoian o asentamento da factoría no seu territorio".

O voceiro dos 'populares' tamén fixo referencia ao acto polo que este mércores o goberno bipartito da Deputación celebrou o seu terceiro aniversario e valorou que "é unha mágoa que non convidaran aos traballadores de Elnosa a ese paripé que fixeron".

"Que lle falen a eles de futuro, e que lles expliquen de paso por que non fan absolutamente nada para garantir a permanencia de Elnosa e dos postos de traballo na provincia", pediulles.

Respecto diso, lémbralles que todas as administracións, e especialmente as deputacións, teñen como competencia cooperar no fomento e desenvolvemento económico e social do seu territorio. Facilitar o asentamento e a permanencia de empresas xeradoras de emprego e riqueza é, ao seu xuízo, a mellor ferramenta para conseguilo.

Arquivado en