O presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, continúa coa presentación dos candidatos ás eleccións municipais de maio e este luns 2 indicaba que Ángel Moldes era a aposta popular para a alcaldía de Poio pola capacidade de liderado, pola xuventude e pola implicación do candidato en múltiples actividades sociais, culturais e deportivas.
Ángel Moldes e Rafael Louzán coincidiron ao sinalar que, tras 20 anos de goberno de Luciano Sobral, é necesario un cambio que ofreza estabilidade e confianza entre os veciños de Poio.
Moldes indicou que os principais puntos nos que quere centrar o seu esforzo se encontran en toda a actividade relacionada co mar e alertou de que 800 persoas traballan no marisqueo no concello.
Neste sentido, o candidato popular indicou que a súa prioridade será buscar unha situación axeitada para a depuradora que está a provocar oposición en Samieira ou en Raxó. E que o seu obxectivo será reunirse cos técnicos para localizar a mellor localización lamentando que a mesa de traballo proposta por actual goberno local se creou "para xogar ao despiste".
Tamén apuntou a necesidade dunha mellora para a PO-308, vía fundamental de comunicación co Salnés, comprometéndose a lograr os terreos para a mellora desta infraestrutura viaria, ao igual que para as beirarrúas da estrada de Campelo.
"Toca tomar decisións", indicou Ángel Moldes alegando que o actual goberno bipartito entre o BNG e o PSOE en Poio non toman decisións. O aspirante engadiu que os veciños non se merecen que un candidato se presente para despois deixar o cargo producíndose un "cambio de cromos" no goberno, en alusión ao actual alcalde Luciano Sobral.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.