A actual secretaria de Estado de Igualdade, a pontevedresa Ángela Rodríguez, coñecida como 'Pam', pechará a candidatura de Podemos Pontevedra ás eleccións municipais do 28M.
Así o deu a coñecer este xoves Podemos Pontevedra, que anunciou que a candidatura liderada pola médica Luisa Lores está conformada por un 60% de mulleres e no posto de peche está 'Pam'.
A candidatura de Podemos Pontevedra preséntase como "feminista" e liderada por unha muller e fai fincapé na "necesidade de poñer as políticas feministas no centro da axenda política de Pontevedra".
Desde a formación sinalan que a presenza de Luisa Lores como cabeza de lista e doutras mulleres en posicións relevantes "é unha mostra do compromiso de Podemos Pontevedra coa loita pola igualdade de xénero e pola participación activa das mulleres na política".
Coa incorporación de Ángela Rodríguez como referente nas políticas de Igualdade, sinalan que "reforzamos e evidenciamos máis se cabe o compromiso na loita pola igualdade real e efectiva".
A formación morada convida á cidadanía a sumarse a esta candidatura "feminista e comprometida coa construción dunha cidade máis xusta e igualitaria para todas".