Unha delegación da provincia de Benguela, en Angola, está a visitar a cidade de Pontevedra para interesarse polo seu modelo urbano. É o primeiro país de África que vén á Boa Vila para tomar nota das medidas adoptadas para mellorar a seguridade viaria.
Encabezada por António Ngussi, director provincial de movilidad en Benguela, a comitiva foi recibida pola alcaldesa en funcións, Carme da Silva, que explicou que é unha "honra" que os políticos e técnicos do país africano estean interesados con este intercambio.
Benguela está a realizar un traballo importante na zona "acadando resultados moi positivos", segundo Ngussi, que agradeceu a "calorosa" recepción por parte de Pontevedra.
A delegación africana interesouse especialmente por coñecer a forma na que está estruturada Pontevedra dende o punto de vista da circulación viaria, os seus accesos, a transformación que viviu, como mellorou os accesos para servir mellor aos peóns ou a entrada en vigor da velocidade de 30 quilómetros por hora.
Así, António Ngussi explicou que se quere implementar na cidade de Benguela un proxecto de seguridade viaria e buscar novos camiños para facer unha cidade para todos.