Animación, xogos, música e xincana do terror no Samaín de Campelo

Poio
27 de outubro 2023

A previsión de choivas obriga a pospoñer ao sábado 4 de novembro as actividades de exterior, e mantéñense todas as propostas que se desenvolverán no interior da carpa

Romería Zombie, de Nelson Quinteiro Produccións
Romería Zombie, de Nelson Quinteiro Produccións

Poio xa está preparado para celebrar este sábado o Samaín de Campelo, unha tarde terrorífica organizada polo Concello de Poio e a Asociación de Mulleres Arela, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, na que mesturarán animación, xogos, xincana do terror e a Romería Zombie, unha actuación de Nelson Quinteiro Produccións.

As actividades comezarán a partir das 18.00 horas na Praza da Granxa, e tendo en conta as previsións do tempo, decidiuse manter toda a programación que se vai desenvolver no interior da carpa, e pospoñer ao sábado 4 de novembro as actividades do exterior. Isto é a corredoira do terror, o espectáculo de lume e Performance Irrupciones Violentas.

Así, o sábado o serán zombi comezará con animación, xogos, xincana do terror e baile dos esqueletes, para dar paso ao pregón a cargo de Rafa Cabeleira, xornalista deportivo e columnista de opinión nado en Campelo.

A continuación, terá lugar a Romería Zombie, de Nelson Quinteiro Produccións, un espectáculo de variedades que dinamiza un serán de defuntos a cargo dun equipo multidisciplinar de sete artistas. Haberá pintura ao vivo, unha escenografía que se vai compoñendo en directo, un pregón desde o alén, danzas macabras, cantos de ultratumba e incluso un desfile zombi. A función está dirixida ao público infantil e familiar. 

Por último, e tras entregar os premios do VI Certame de Chulas e do V concurso de microrrelatos “Misterios de Kam”, a festa terrorífica rematará coa animación e música dun DJ.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, anima a grandes e pequenos de todo o concello a pasar unha xornada zombie e de terror en Campelo, unha iniciativa que, recorda, "nace dos propios veciños e que cada ano suma máis participantes. É unha cita imprescindible, unha festa que cada vez está máis presente no calendario das familias e o mellor lugar para gozala é no Samaín de Campelo".