Animalistas alertan da presenza de elementos "posiblemente" tóxicos na Horta do Cura para eliminar gatos

Pontevedra
15 de agosto 2018

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber recollen as queixas de xestores de colonias de gatos de rúa en Pontevedra e alertan sobre a aparición destes posibles elementos tóxicos nunha zona en que se están a realizar obras nun edificio próximo

Elementos aparecidos na contorna da Horta do Cura
Elementos aparecidos na contorna da Horta do Cura / Libera! Galicia

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber recolleron as queixas de xestores de colonias de gatos rueiros de Pontevedra ante a aparición duns elementos con aparencia tóxica na Horta do Cura, nun espazo onde se están levando a cabo obras e onde habitualmente se atopa unha colonia de gatos, na zona da Rúa Don  Filiberto.

Desde estes colectivos defensores dos animais lembran que a colocación de calquera tipo de produto tóxico na vía pública, destinado a matar animais e que poida resultar potencialmente perigoso para os veciños é unha conduta que se atopa  tipificada como delito no Código Penal, con penas de ata dous anos de prisión.

Tamén a vía administrativa, a través da  Lei de  Benestar Animal de Galicia, contempla sancións de ata 30.000 euros por ocasionar a morte intencionada de animais. 

Reclaman ao goberno local unha maior atención e contundencia para previr posibles mortes de felinos nestas colonias.