Animatrón pese á calor

Pontevedra
07 de xullo 2022

O parque das Palmeiras e a súa contorna acollen esta semana unha nova edición de Animatrón. Nas tardes do martes, o mércores e o xoves ofrece horas de diversión a aos nenos e nenas a base de talleres temáticos distintos cada día, actividades de maquillaxe, ludoteca, animación ou presenza de zancudos, monociclos ou malabares. Non falta a música de Cé-Home Orquestra, Tarabelos Titeres ou Truque Matruque.

Actividades do "Animatrón" nas Palmeiras
Actividades do "Animatrón" nas Palmeiras / Mónica Patxot

A calor rexistrada en Pontevedra nas tardes deste martes e este mércores, con temperaturas que alcanzaron os 32 graos, non desanimou á poboación máis nova da cidade para achegarse ata o parque das Palmeiras e gozar do amplo programa de actividades da nova edición de Animatrón. 

O ciclo, que forma parte da programación cultural de verán do Concello de Pontevedra, desenvólvese durante as tardes de martes, mércores e xoves desta semana e, nas súas dúas primeiras xornadas, encheuse de nenas e nenos dispostos a divertirse pese á calor, e resgardados pola sombra da Alameda.

O ciclo Animatrón, unha cita xa tradicional do verán pontevedrés, inclúe talleres temáticos distintos cada día, actividades de maquillaxe, ludoteca, animación ou presenza de zancudos, monociclos ou malabares.

Pelotón xigante e globos xigantes tamén enchen a contorna do parque das Palmeiras durante tres tardes desta semana e, ademais, nesta ocasión, todo está amenizado polas actuacións de Cé-Home Orquestra, Tarabelos Titeres ou Truque Matruque.

Este xoves de 18.00 a 21.00 horas será a última oportunidade deste ano para gozar deste ciclo.