A Audiencia de Pontevedra condenou a un ano de cárcere a un home que acosou telefonicamente á súa ex parella durante o proceso de divorcio.
O tribunal considera probado que, durante a tramitación da súa separación, chegou a realizar decenas de chamadas diarias, mesmo en horario nocturno ou de madrugada.
Esta situación de acoso acreditada pola sentenza iniciouse desde o fin da relación, en febreiro de 2024, e intensificouse ao longo do seguinte verán.
A conduta do investigado, subliñan os maxistrados da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, empeorou aínda máis cando a muller iniciou unha nova relación sentimental.
O home, de nacionalidade venezolana e residente na Estrada, "non aceptaba o fin da súa relación sentimental", segundo reflicte o fallo xudicial.
Por iso é polo que, "co propósito de perturbar a paz e tranquilidade" da súa aínda esposa e de controlar o que facía "en todo momento", chamábaa de maneira insistente, en ocasións até máis de 40 veces ao día, e enviáballe audios a través de WhatsApp.
A pesar de condenalo por un delito de acoso no ámbito da violencia de xénero, o tribunal absolveuno dun delito de agresión sexual polo que tamén estaba acusado.
Neste caso, os xuíces sosteñen que os feitos, que agarrase o cu da súa ex pareja durante un encontro na rúa, non quedaron demostrados.
Ademais da imposición dese ano de prisión, a Audiencia acordou manter a orde de protección e afastamento vixente a favor da vítima.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.