Antes do mes de maio comezará a segunda fase das obras de San Antoniño

Pontevedra
14 de xaneiro 2015

O concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, visitou as rúas Álvarez Limeses, Gonzalo Gallas y Cervera Mercadillo onde remataron os traballos da primeira fase de obras. O responsable socialista recibiu as felicitacións dalgúns veciños da zona

Visita de Antón Louro, concelleiro de Urbanismo, ás obras rematadas en Álvarez Limeses
Visita de Antón Louro, concelleiro de Urbanismo, ás obras rematadas en Álvarez Limeses / Mónica Patxot

Antón Louro, concelleiro de Urbanismo, realizou un percorrido polas rúas Álvarez Limeses, Gonzalo Gallas e Cervera Mercadillo no ámbito de San Antoniño. Un espazo no que se acometeron tres actuacións para a mellora das infraestruturas viarias e a humanización desa zona da cidade. Estes traballos contaron cun presuposto de medio millón de euros. Algunhas veciñas achegáronse ao responsable de Urbanismo para felicitalo polas obras e apuntar pequenas melloras necesarias como a renovación dos colectores ou a eliminación de desniveis nalgún tramo da beirarrúa.

O concelleiro socialista sinalou que estas obras terán continuidade a través de tres rúas máis de San Antoniño: Lepanto, José Millán e Javier Puig. Louro sinalou que esta segunda fase contará cun investimento dun millón de euros aos que se sumarán 400.000 euros relacionados coa reforma prevista en Loureiro Crespo ante a entrada ao Hospital Provincial.

A segunda fase inclúese nos presupostos de 2015 e trátase de proxectos que se encontran en fase de redacción e, segundo Antón Louro, nos próximos días se trasladarán ao servizo de urbanismo para finalizar o procedemento administrativo. A partir dese momento comezará a fase executiva, que segundo o edil, se iniciará no primeiro cuadrimestre do ano, antes da chegada de maio.

Louro lamentou que a antiga sede da Xunta de Galicia situada na rúa Lepanto se encontre sen actividade. Sinalou que dende o Concello se solicitou a creación nese inmoble dun centro de formación e emprego ao que a administración autonómica non deu o visto e prace. "Dende o PSOE intentaremos que o edificio quede ao servizo dos pontevedreses. Sería un magnífico local para aulas de formación e instalacións dun centro de emprego", engadiu Louro.