A programación da campaña '50 años de España en Libertad', que promove o goberno central con motivo dos 50 anos da morte do dictador Franco, chegará a Vilagarcía.
Será o vindeiro mércores 26 de novembro, co acto 'Tres tempos e a memoria', no que participarán tres especialistas na materia: Marcelino Abuín, Montse Fajardo e Daisy Alcalde.
A partir das 17:30 horas, disertarán na sala de conferencias do auditorio municipal sobre os tempos previos á Guerra Civil, o inmediatamente posterior de represión e o tempo que se abriu coa morte do ditador en 1975.
O acto leva por título 'Tres tempos e a memoria' en homenaxe a Mariví Villaverde, filla do primeiro alcalde da II República, Elpidio Villaverde, perseguido e exiliado. É autora do libro Tres tempos e a esperanza.
O historiador Marcelino Abuín falará en 'Luís Pando: unha xeración sentenciada' sobre o tempo da República, no que Luis Pando, xuíz municipal, foi detido e fusilado ás poucas semanas do golpe militar de 1936.
Abuín conversará, pois, sobre o proceso que a ditadura puxo en marcha contra Pando e outras autoridades republicanas e acerca do que a sublevación supuxo para o proxecto de cidade.
Montse Fajardo falará de Carmen Meaños, 'A Carrilla'. Baixo o título 'A represión contra as que quedaron', a xornalista e investigadora centrarase nas consecuencias que a represión franquista tivo para as mulleres, con especial atención ás relacionadas co corpo e a sexualidade feminina.
A profesora, especialista en igualdade e presidenta do colectivo 'O soño de Lilith', Daisy Alcalde, disertará en 'Clara Campoamor: o legado feminista' sobre o legado que Clara Campoamor e outras pioneiras deixaron nas xeracións nacidas en democracia, do xurdimento do movemento feminista en Vilagarcía e dos retos aos que este se enfronta na actualidade.
A actuación musical de Madalena Gamallo e Iván Gulín porán fin ao acto.
Os tres protagonistas das tres charlas organizadas nesta campaña están no rueiro municipal.
Pando deu nome a unha rúa en substitución da que tiña o xeneral Yagüe; Carmen Meaños ten unha rúa en Carril; e Clara Campoamor relevou ao Conde de Vallellano nunha das principais avenidas da cidade.