Antón Lopo recibe en Bueu o XIII Premio Johán Carballeira de xornalismo

Bueu
15 de maio 2016

O xornalista Antón Lopo recibiu este sábado en Bueu o galardón que o acredita como o gañador do XIII Premio Johán Carballeira de xornalismo, que entrega cada ano o concello. Foi no transcurso dunha mesa redonda que debateu sobre a presenza do galego nos medios de comunicación

Entrega a Antón Lopo do XIII Premio Johán Carballeira de xornalismo
Entrega a Antón Lopo do XIII Premio Johán Carballeira de xornalismo / Concello de Bueu

O xornalista Antón Lopo recibiu este sábado en Bueu o galardón que o acredita como o gañador do XIII Premio Johán Carballeira de xornalismo, que entrega cada ano o concello.

Foi no transcurso dunha mesa redonda que debateu sobre a presenza do galego nos medios de comunicación. Nela, ademais de Lopo, participaron Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, Rocío Castro do Sermos Galiza, e Xosé Leal, concelleiro de Bueu e tamén xornalista. Todos eles fixeron unha radiografía sobre a situación nos medios da nosa lingua e a súa capacidade de subsistencia e mantemento no tempo.

Na segunda parte do acto, o alcalde de Bueu agasallou a Antón Lopo cunha figura do faro de Ons, símbolo deste premio. Nos seus agradecementos, o gañador quixo lembrar o seu compromiso co galego, ademais da súa admiración pola figura de Johán Carballeira, o que fora alcalde de Bueu no breve período republicano, ademais de poeta, nacionalista e xornalista. 

Manuel Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, co organizadora do premio xunto ao Concello de Bueu, destacou que a reportaxe que Lopo fixo sobre a figura de Xulio Calviño resulta moi interesante e profunda, e que está contada con moitos recursos mitolóxicos e literarios.

Este acto nace como una renovación do Concello de Bueu para darlle maior difusión e protagonismo a este premio, un dos poucos de Galicia destas características, separándoo da entrega do de poesía, que se fará este domingo no marco do V Festival Poético do Morrazo.