Antón Xil repetirá como candidato do PP en Ponte Caldelas nas municipais de 2023

Ponte Caldelas
14 de decembro 2022

Un proxecto "solvente" que xere "ilusión e confianza" e que estea centrado en atender as necesidades dos veciños de Ponte Caldelas e preparar o municipio para os retos de futuro. Así define Antón Xil a candidatura do PP que el volverá a encabezar nas próximas municipais

Presentación de Antón Xil como candidato do PP á alcaldía de Ponte Caldelas
Presentación de Antón Xil como candidato do PP á alcaldía de Ponte Caldelas / Partido Popular

Un proxecto "solvente" que xere "ilusión e confianza" e que estea centrado en atender as necesidades dos veciños de Ponte Caldelas e preparar o municipio para os retos de futuro. Así define Antón Xil a candidatura do PP que el volverá a encabezar nas próximas municipais.

Tras conseguir o apoio unánime da xunta local do PP, Xil aposta por "deixar atrás un goberno personalista baseado nas ocurrencias e en políticas de promoción persoal que nos están condenando ao atraso, a un populismo de festas e paparotas que nos impide avanzar".

"Queremos devolverlle o protagonismo aos veciños e acabar co populismo, o clientelismo e o personalismo como modelos de goberno en Ponte Caldelas", destacou o candidato popular.

Antón Xil estivo arroupado na súa presentación polo presidente provincial do PP, Luis López, que destacou o "liderado, capacidade e sentidiño" do candidato, ao que felicitou por construir unha alternativa de goberno "cun equipo moi amplo e comprometido".

López recordou que nas últimas eleccións, as autonómicas de 2020, o 48% dos veciños deste concello votaron ao Partido Popular, polo que pediu un esforzo "a todos os que cren que outra Ponte Caldelas é posible" para que traballen xuntos para "cambiar o rumbo" deste concello.