A deputada de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitaron este luns a estrada provincial EP-9208 Noalla-Aios.
Anunciaron que o inicio das obras neste vial é "inminente" despois de que foran adxudicados os traballos de reforma por preto de 1,1 millóns de euros. Este orzamento está financiado ao 80% pola institución provincial e ao 20% polo Concello de Sanxenxo.
A actuación abrangue un treito de preto dun quilómetro e ten por obxecto a creación dun itinerario peonil na marxe dereita da estrada para mellorar as condicións de seguridade da vía.
Trátase dunha senda de 2,5 metros localizada nunha zona cunha importante afluencia de peóns, debido á proximidade de focos importantes de atención como o cemiterio, a igrexa de Noalla ou o itinerario peonil da EP-9212 que comunica coa praia da Lanzada.
As obras tamén contemplan a rehabilitación do firme para recuperar as características funcionais da capa de rodadura, o acondicionamento e a mellora dos frontais das parcelas con edificacións na marxe esquerda para unificalos, a renovación das paradas de autobús, a disposición de pasos peonís sobreelevados e redutores de velocidade, así como a execución de cunetas remontables.
Tamén se renovarán o alumeado público, co soterramento da rede, e mais o mobiliario urbano. O prazo de execución previsto é de nove meses.
A visita extendeuse a outro proxecto que a Deputación ten na actualidade en marcha no concello, as obras na marxe dereita da EP-9206 Portonovo-A Vichona, que contan cun orzamento de 154.000 euros e están financiadas integramente pola Deputación.
Esta actuación mellorará as condicións dun treito de 380 metros a través da execución dunha beirarrúa para facilitar o tránsito peonil, a renovación da capa de rodadura e da sinalización afectada.
Ademais, substituiranse as lousas rotas e afundidas por formigón colorado no tramo que xa contaba con beirarrúas e, entre outras actuacións, a execución dunha nova rede de augas pluviais.