Ao volante polo Campiño cun cóctel de drogas sen igual

Pontevedra
07 de febreiro 2018

Todas as drogas que poden ser detectadas polo test que realiza Tráfico. É o "cóctel" de substancias estupefacientes co que conducía un home de 42 anos, veciño de Vigo, polas inmediacións do polígono industrial do Campiño. Segundo explicou a Garda Civil, ao ser sometido ao test de drogas deu positivo en cocaína, opiáceos, anfetaminas, metanfetaminas e THC

Garda Civil de Tráfico
Garda Civil de Tráfico / Mónica Patxot

Todas as drogas que poden ser detectadas polo test que realiza Tráfico. É o "cóctel" de substancias estupefacientes co que conducía un home de 42 anos, veciño de Vigo, polas inmediacións do polígono industrial do Campiño.

Foi interceptado nun control da Garda Civil, despregado a pasada fin de semana para evitar que se produzan na zona carreiras ilegais de coches e exhibicións de conducións temerarias.

Segundo explicou o instituto armado, ao ser sometido ao test de drogas deu positivo en cocaína, opiáceos, anfetaminas, metanfetaminas e THC.

Os axentes da Garda Civil presentaron denuncia contra el por unha infracción moi grave da lei de seguridade viaria, castigada cunha sanción de 1.000 euros e a retirada de seis puntos do carné de conducir.

Ademais da sanción administrativa, o condutor deberá afrontar un proceso penal como autor dun delito contra a seguridade viaria.

Por estes feitos, enfrontarase a unha condena de tres a seis meses de prisión, multa de seis a doce meses ou traballos en beneficio da comunidade de 30 a 90 días e a retirada do carné de conducir por un máximo de catro anos.