O Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis informa dun accidente de tráfico ocorrido uns minutos antes das 13:00 horas deste mércores 14 de setembro.
O condutor do vehículo accidentado, de 78 anos, regresaba á súa casa do lugar de Teaño despois de facer unhas xestións no centro de Cuntis.
Circulaba pola PO-220 á altura de Estacas cando, tras superar unha pequena curva e sen apenas tempo para reaccionar, o coche que conducía saíuse da vía e envorcou tras tocar nun canal de drenaxe da beiravía.
Nese momento, desde Emerxencias de Cuntis confirman que chovía abundantemente, o que puido provocar este accidente. Un coche que circulaba en sentido contrario confirmou que o vehículo ía a escasa velocidade, calcula que non máis de 40 km/h, polo que, nun principio, descartaríase esta causa.
Precisamente o condutor deste segundo vehículo foi o primeiro en auxiliar á vítima, retirándolle o cinto de seguridade e axudándolle a saír do coche. A continuación, telefonou ao Servizo Municipal de Emerxencias.
O persoal deste servizo fíxolle as primeiras curas nos cortes de escasa profundidade que tiña na cabeza e ante a negativa do home, que se atopaba moi nervioso, de ser trasladado a un centro hospitalario.
No lugar tamén se persoou o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, quen axudou a tranquilizar ao condutor e contactou persoalmente co fillo para que o viñese recoller.
Tanto o alcalde como os efectivos de Emerxencias Cuntis lograron o compromiso de que a familia achegase o home a un centro de saúde para avaliar se tiña algún outro dano interno.