O aparcadoiro da rúa Alemaña estará protexido por un muro de contención

Pontevedra
07 de xuño 2026

Esta intervención pretende solucionar os problemas de degradación do noiro lindeiro á parcela, o cal supera os 20 metros de lonxitude e presentaba risco de pequenos desprendementos de terras

Construción dun muro contención na rúa Alemaña
Construción dun muro contención na rúa Alemaña / Concello de Pontevedra

O Concello segue a executar obras no barrio de Monte Porreiro para mellorar o espazo público. Nesta ocasión, no aparcadoiro situado na rúa Alemaña.

Os operarios traballan nos remates da construción dun muro de contención no aparcadoiro en superficie que tiña risco de caer.

Esta intervención pretende solucionar os problemas de degradación que viña sufrindo o noiro lindeiro á parcela, o cal supera os 20 metros de lonxitude e presentaba risco de pequenos desprendementos de terras.

Para atallar esta situación, ergueuse un muro de mampostería que proporcionará a estabilidade necesaria ao terreo grazas a grandes bloques de pedra

A actuación complétase coa instalación das tubaxes de drenaxe, a colocación dunha protección xeotéxtil, unha coroación de perpiaño tosco, a limpeza da superficie do estacionamento e o repintado das prazas.

Construción dun muro contención na rúa Alemaña
Construción dun muro contención na rúa AlemañaConcello de Pontevedra

A mellora supón un investimento municipal de case 32.000 euros.

Desde o goberno municipal destacan que a construción deste muro abunda na batería de intervencións desenvolvidas para dotar de máis servizos e prazas de estacionamento ordenadas a todo o barrio de Monte Porreiro.

En colaboración coa asociación de veciños, o Concello xa executou recentemente o acondicionamento en superficie dun terreo público entre as rúas Alemaña e Eirín.

Estas melloras estendéronse á rúa Portugal, onde se adecuou outra parcela e se canalizou un manancial, e á parte alta da rúa Grecia, onde se logrou ampliar a zona de aparcamento dispoñible e crear unha plataforma única para mellorar a accesibilidade.

Construción dun muro contención na rúa Alemaña
Construción dun muro contención na rúa AlemañaConcello de Pontevedra