Aparece a muralla medieval e os restos dun peirao do seculo XIX na antiga parcela do Teucro

Pontevedra
25 de xullo 2016

Unha parte da historia de Pontevedra volveu saír á superficie. As escavacións que se están a facer para construír un tanatorio na antiga parcela do Teucro, en Arcebispo Malvar, permitiron o achado da muralla medieval da cidade, unhas estruturas vinculadas a esta muralla e tamén un espigón portuario que podería datar do século XIX

Tramo da muralla medieval atopado en Arcebispo Malvar
Tramo da muralla medieval atopado en Arcebispo Malvar

Unha parte da historia de Pontevedra volveu saír á superficie. As escavacións que se están a facer para construír un tanatorio na antiga parcela do Teucro, en Arcebispo Malvar, permitiron o achado da muralla medieval da cidade, unhas estruturas vinculadas a esta muralla e tamén un espigón portuario que podería datar do século XIX.

Segundo o informe do arqueólogo municipal, na parte central da parcela, discorrendo de leste a oeste, quedou á vista un peirao do século XIX, con boa factura e estado de conservación xeral. Da muralla atopouse un largo treito, de case 35 metros, que tamén se conserva en bo estado.

Na súa opinión, entende que o seu interese e valor histórico debe considerarse dende unha perspectiva local. Dende este punto de vista "o peirao si é significativo na historia da cidade, unha cidade que naceu precisamente grazas á súa estratéxica localización xeográfica, nunha encrucillada de vías de comunicación marítimas e terrestres".

Lembra o arqueólogo que o peirao forma parte dun conxunto de estruturas de grande interese histórico, "que non só deben ser conservadas senón tamén deberían ser aproveitadas dende o punto de vista socio-cultural e tamén turístico".

Esta consideración increméntase notablemente, apunta no seu informe, se se ten en conta a localización do conxunto arqueolóxico da Ponte de Burgo, na praza de Valentín García Escudero, a menos de 50 metros.

Aínda que recoñece que os achados localizados están fóra do ámbito do Peprica, si están ao seu carón, "por tanto parece razoable evocar o espírito desta norma" que no seu artigo 10 promove a conservación in situ dos restos de obra civil de carácter histórico e compatible coas edificacións proxectadas.

Este informe foi remitido a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, última responsable na decisión a tomar ao respecto dos achados da citada parcela.