Aparece o propietario da carteira encontrada nunha rúa de Pontevedra con 407 euros

Pontevedra
29 de xuño 2014

O dono é un cidadán de Lleida que pasara uns días en Pontevedra. A carteira non portaba documentos identificativos pero o home ofreceu datos concretos que garantiron á Policía Local que se trataba do auténtico propietario

Unha carteira tirada na rúa
Unha carteira tirada na rúa / PontevedraViva

Un cidadán residente en Lleida identificouse como o propietario dunha carteira moedeiro aparecida en Pontevedra con 407 euros.

A carteira entregárase por un particular na comisaría da Policía Local no Pazo da Cultura tras encontrala nunha céntrica rúa de Pontevedra. No seu interior non había ningún documento identificativo ou que puidese ofrecer algunha pista sobre o propietario. O único que contiña era a importante cantidade de diñeiro.

A partir dese momento, a Policía Local trasladou a través dos medios de comunicación a información de que se estaba a intentar localizar o dono dunha carteira que contiña unha "certa cantidade de diñeiro".

Segundo fontes da Policía Local, o propietario hospedárase no Hotel Comercio días atrás e logrou decatarse a través dun amigo de Pontevedra de que se entregara na comisaría e se estaba a buscar o dono. O home púxose en contacto cos axentes e ofreceu tantos detalles sobre a cor e a forma da carteira moedeiro que a Policía Local entendeu que non había dúbida de que se trataba do propietario e levou a cabo a súa devolución.