APDR pide ideas a cidadanía para frear a Lei de Costas

Pontevedra
19 de xaneiro 2013

Fan un chamamento a todas aquelas persoas que compartan con eles estas preocupacións para que asistan á asemblea, para compartir información sobre o tema e aportar as propostas que consideren "co obxectivo de tomar iniciativas quen de frear esta nova agresión, ben sexa pola vía da mobilización social, ben mediante accións xudiciais"

Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra
Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra

O vindeiro martes día 22 de xaneiro, ás 20:00 horas e na Galería Sargadelos sita na rúa Oliva, vai ter lugar unha asemblea da Asociación pola Defensa da Rïa de Pontevedra (APDR) que, según informa o seu presidente, Antón Masa "pola evidente trascendencia social do tema que se vai tratar, queremos abrir á participación de todas as persoas interesadas, con independencia da súa pertenza ou non á asociación".

En efecto, o tema único a tratar nesta asemblea é a polémica modificación da Lei de Costas, unha decisión do goberno do estado que vai ter importantes repercusións sobre a continuidade ou non de ENCE no seu actual emprazamento.

"Desde a APDR vemos con preocupación a posibilidade aberta polo executivo do PP de conceder a ENCE (e a outras empresas) unha prórroga de 75 anos da concesión administrativa en terreos de dominio público", apunta Masa, "vemos con preocupación o resultado da aplicación desta nova Lei, que levará -na práctica- á privatización absoluta do litoral galego e do resto das comunidades do estado español".

"Pode dar ao traste de forma definitiva coa protección das nosas rías"

Neste sentido, o colectivo ecologista entenden que a sociedade civil ten que "posicionarse para poder impedir esta nova desfeita ambiental, que pode dar ao traste de forma definitiva coa protección das nosas rías".

Por iso fan este chamamento a todas aquelas persoas que compartan con eles estas preocupacións para que asistan á asemblea, para compartir información sobre o tema e aportar as propostas que consideren "co obxectivo de tomar iniciativas quen de frear esta nova agresión, ben sexa pola vía da mobilización social, ben mediante accións xudiciais".